martes, 26 de abril de 2011

INICIO DA CAMPAÑA DE ANIMACIÓN Á LECTURA "CONTARTE" 2011

O Servizo de Educación do Concello de Vigo pon en marcha dende o día 24 de marzo ata o 29 de abril ( mes que conmemora o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil) a campaña Contarte 2011 coa que se pretende achegar aos nenos e nenas ao mundo da arte dun xeito lúdico e diferente a través do álbum ilustrado e incidir así no fomento do hábito lector entre os máis cativos.

En colaboración con OQO Editora, con ampla e recoñecida traxectoria en actividades de dinamización pedagóxica de animación á lectura, durante este período realizaranse obradoiros especialmente deseñados para traballar á lectura do conto coma un espacio de achega á literatura, a interculturalidade e á creación artística.

Prevese a participación neste programa lector, formativo e de entretemento de máis de 2.600 alumnos e alumnas de educación Primaria de 22 centros escolares de Vigo aos que, con estas actividades, se tentará promover o desenvolvemento do seu espírito crítico e ofrecerlle medios para aprender novas formas de mirar.