domingo, 3 de mayo de 2015

ENTRE RESTOS DE CRUSTÁCEOS E MOLUSCOS

Adicamos toda unha semaniña enteira a manipular e recoñecer cunchas de diferentes animais mariños. Entre esas cunchas tamén se colaron unllas de percebes,caparazóns de centolas da ría e de ourizos de mar , unha xibia dun choco e ata unha estrela de mar!
Aprendimos as diferentes calidades gastronómicas das especies que posúen estas cunchas. Por exemplo: o ourizo de mar é coñecido como o "caviar dos pobres". O percebe e a centola tamén teñen un elevado recoñecemento culinario e un elevado prezo nos mercados, claro está. A peneira ou orella de mar é moi cotizada China, país ao que exportamos grandes cantidades...
Dentro dos vivalvos aprendimos a diferenciar variedades como a zamburiña, a volandeira e a vieira. Esta última máis grande que as anteriores e cunha cuncha plana e a outra cóncava, mentres que a zamburiña e a volandeira teñen as dúas cunchas cóncavas. Ademais observamos que a volandeira ten unha cor violácea e ten unha orella(pequenas aletas situadas no vértice da cuncha) máis grande ca outra e a zamburiña e de cor clara como a vieira e unha das orellas case non se distingue do resto da cuncha.
Tamén analizamos detidamente a diferencia entre as diferentes variedades de ameixas, entre elas as chirlas son as máis valoradas na cociña.
Aproveitamos tamén para falar sobre outros aspectos relacionados co mar como a comercialización de produtos galegos ou produtos procedentes da importación(que chegan na súa maioría aos mercados en estado conxelado e non en estado fresco),o furtivismo, as confrarías de pescadores, as poxas nas lonxas, o desove(época na que moitas especies poñen ovos) a sobreexplotación(é dicir, capturar máis do que se debería, o que contribúe a que escaseen algunhas especies de peixes e mariscos), a acuicultura...
Como vedes a exposición deu para moito!