Durante tres días, Pontevedra será unha cidade de conto. A partir do venres día 8 o programa Sete falares ofrecerá un amplo abano de actividades que inclúe mesmo unha ruta de contos por lugares sinalados da cidade do Lérez ou unha travesía de historias pola Ría.
Para axudarvos a acomodarvos nos lugares onde se celebren as sesións teñen un equipo de monitores e monitoras estupendísimo.
Verédelos porque cada un deles levará un distintivo coma este:
A Casa das Campás, as Ruínas de San Domingos a CITA ou o Campiño de Santa María serán algúns dos espazos que o sábado por volta das 22 horas visitarán os participantes na ruta de contos que se inclúe no programa Sete falares, promovido pola Concellaría de Cultura de Pontevedra. Rosana Mont´Alverne, Tim Bowley e Charo Pita, Clara Haddad e Paula Carballeira serán as persoas encargadas de darlle ao conto en cada un deses espazos da cidade.
Non será a única excursión que fagan as persoas que desexen achegarse ao mundo do conto. O domingo, ás 14.30, os contos irán ao “medio do mar” cunha viaxe en barco que sairá das Corbaceiras. Quen se encargará entón de contar é Cándido Pazó e haberá mesmo xantar a bordo do barco.
Cun barco de conto pola ría
Para todas as idades , de moitas partes do mundo e pola cidade enteira. Así se artella o programa Sete falares que comeza este mesmo venres. A casa das campás, o Teatro Principal, a CITA, as Ruínas de San Domingos ou mesmo un barco serán os escenarios das múltiples contadas nas que se articula o programa. Na primeira xornada, no espazo “De dous en dous” Paula Carballeira e Cándido Pazó atoparanse con Clara Haddad e Rosana Mont´Alverne respectivamente, facendo dous dúos de contos, da casa e convidados. Andrea Bayer, de Boabab Teatro, será a encargada de abrir o programa na primeira sesión da Casa das Campás ás 18 horas.
O sábado será o día todo para o conto, desde a mañá na CITA con Pavís Pavós, ate a noite cando os contos se atopen coa luz dos farois da Pontevedra histórica. No medio, o mundo dos contos en múltiples dimensións, desde a conferencia da escritora Fina Casalderrey “Os berces do noso imaxinario” ata a contada de Paula Carballeira na Alameda para continuar coa proposta de Rosana Mont´Alverne, protagonista tamén do encontro da mañá do domingo na Casa das Campás.
Para o día final, despois da travesía conteira pola Ría de Pontevedra, o programa de Sete Falares depara aínda un feixe de sorpresas, a comezar polos “Contos de todos os cantos” de Clara Haddad e a seguir con Tim Bowley e Charo Pita “Fiando Contos” nas Ruínas de San Domingos.
Unha cidade de conto á beira do Lérez
www.sermosgaliza.com