Mostrando entradas con la etiqueta plambe. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta plambe. Mostrar todas las entradas

miércoles, 1 de junio de 2011

A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS


                          



Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no  Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:
Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente  de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na  iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos,  esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes  en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son  seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos  incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada  centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino  xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro  será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.



miércoles, 12 de enero de 2011

CONTOS QUE VEÑEN E VAN

O lema desta actividade é “Contos que veñen e van ” e está destinado a todo o alumnado de infantil.Os libros comezarán a camiñar das mans das nenas e dos nenos para ver mundo e encherse de vida nestas "bolsas de biblioteca" destinadas a protexelos e facilitar esa "viaxe".
Cada venres levarán unha bolsa que contén un conto para que o leades xuntos.
Xunto cos materiais mandamos unha folla para que cada familia aporte as súas impresións ou suxestións sobre a actividade.
Todos os luns devolverán a bolsa co seu contido.
Esperamos a vosa colaboración, convencidos de que o esforzo incidirá moi positivamente no desenvolvemento do hábito lector das vosas fillas e fillos.
BOAS LECTURAS!!!

jueves, 16 de diciembre de 2010

AS MOCHILAS XA ESTÁN A VIAXAR

As “MOCHILAS VIAXEIRAS” van un ano máis ás casas do alumnado de primaria para que gocedes dos materiais que escollemos para que poidades compartir en familia unha viaxe polo mundo dos libros e as bibliotecas.
Os materiais incluídos están pensados para que sexan do agrado de todos e todas vós e confiamos en que poidamos conseguir as obxectivos para os que foi deseñada:

-Toma de conciencia da importancia que ten a familia no fomento da lectura.
-Coñecer e valorar os diferentes tipos de lectura: libros de ficción, cómics, libros de arte, de natureza…
-Descubrir “outros xeitos de ler”, na linguaxe da música e dos audiovisuais.

Xunto cos materiais mandamos tamén o “CADERNO VIAXEIRO” para que cada familia aporte as súas impresións ou suxestións sobre a actividade, o material, o libro que máis lles gustou... ou incluso algún debuxo que ilustre unha sensación, un pensamento. En fin, o que queirades.

Esperamos a vosa colaboración!
BOAS LECTURAS!!!

viernes, 5 de noviembre de 2010

INAUGURACIÓN DA BIBLIOTECA

Agasallamos a todo aquel que se deixou caer pola biblio,  noces pintadas de dourado  envoltas nun poemiña, un "petisco literario"como din algúns por aí...


Para conseguilas foi preciso coñecer e distinguir con maestría todas as seccións da biblioteca completando un plano, entre outros xogos de formación de usuarios/as que se propuxeron durante a semana do 25 de outubro.

viernes, 1 de octubre de 2010

BENVIDA!

Este é o blogue  da biblioteca do CEIP A Doblada. É o noso segundo curso no PLAMBE(Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares) e o terceiro traballado xuntos por proxectos.

Despois de ver moito mundo o ano pasado, decidimos quedarnos no barrio dos paxaros onde está a nosa escola.O título do proxecto é por iso...
"O bosque encantado do barrio dos paxaros":

 Internarémonos no bosque para estudiarmos todo sobre as nosas árbores e os bosques; os animais e as criaturas fantásticas que os poboan; fixarémonos nas pegadas que deixa a historia  nos nosos montes investigando sobre as mámoas e os petroglifos; observaremos como a foresta muda a flora e a fauna ao longo do ano.
Contarannos e contaremos contos clásicos e actuais en castelán, en inglés e en galego no que o bosque é máis ca un escenario; faremos visitas guiadas e cubriremos cadernos de campo; realizaremos planos, falaremos en mesas redondas, prepararemos debates; faremos teatro... e deixaremos sinais neste blogue rompendo unha poliña cunha entrada...