Mostrando entradas con la etiqueta abrilibro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta abrilibro. Mostrar todas las entradas

miércoles, 2 de abril de 2014

2 DE ABRIL DO 2014: DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL


Desde 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil. Esa Sección elixe un tema e selecciona a un autor ou autora importante do país co fin de que escriba unha mensaxe para os nenos e nenas do mundo, e a un recoñecido ilustrador ou ilustradora para que deseñe un cartel que se difunde en colexios, bibliotecas, a través dos medios de comunicación, etc. Con este motivo organízanse diferentes actividades de animación, encontros con escritores e ilustradores, concursos e outras accións puntuais.

A través da OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) podemos acceder ao poema da autora irlandesa Siobhán Parkinson:

CARTA AOS NENOS E NENAS DO MUNDO:


OS LECTORES, a miúdo lle preguntan aos escritores como escriben as súas historias - De onde saen as ideas? Veñen da miña imaxinación, contéstalles o escritor. Ah, claro, adoita responder o lector. Pero, onde está a túa imaxinación, de que está feita e é certo que todo o mundo ten unha? Ben, responde o escritor, está na miña cabeza, por suposto, e está composta de imaxes e palabras e recordos e rastros doutras historias e palabras e fragmentos de cousas e melodías e pensamentos e rostros e monstros e formas e palabras e movementos e palabras, ondas e arabescos e paisaxes e palabras e perfumes e sentimentos e cores e rimas e pequenos estalos e asubíos e sabores e explosións de enerxía e adiviñas e brisas e palabras. Todo iso xirando aí dentro e cantando e comportándose como un calidoscopio e aboiando e sentándose e pensando e rañando a cabeza. Por suposto que todo o mundo ten imaxinación: sen ela, non seriamos capaces de soñar. Porén, non toda imaxinación ten as mesmas cousas dentro dela. Probablemente, a imaxinación dos cociñeiros conteña na súa maioría sabores, da mesma maneira que a imaxinación dos artistas conterá sobre todo cores e formas. A imaxinación dos escritores está principalmente chea de palabras. Para os lectores oíntes de historias, as súas imaxinacións tamén se nutren de palabras. A imaxinación dun escritor traballa, dá voltas e dá forma ás ideas, aos sons, ás voces, aos personaxes e aos acontecementos ata convertelos nunha historia; esta historia non está composta doutra cousa que non sexan palabras, batallóns de garabatos desfilando polas páxinas. Entón ocorre que, de pronto, chega un lector e eses garabatos cobran vida. Seguen estando na páxina, seguen parecendo garabatos pero tamén están choutando na imaxinación do lector, e este dá forma e fía as palabras para que a historia agora teña lugar na súa cabeza, como tivo lugar na cabeza do escritor. Este é o motivo polo que o lector é tan importante para unha historia como o é o escritor. Só hai un escritor para cada unha delas, pero hai centos ou miles ou incluso ás veces millóns de lectores de historias, que len no mesmo idioma que o do escritor ou que quizais ata lean traducións en moitos outros idiomas diferentes. Sen o escritor, non nace o conto; sen todos os miles de lectores arredor do mundo, o conto non chegará nunca a vivir todas as vidas que pode vivir. Todo lector dunha historia ten algo en común cos outros lectores desa mesma historia. Separadamente, aínda que tamén dalgunha maneira xuntos, eles recrearon a historia na súa propia imaxinación: unha acción que é tanto privada como pública, individual como común, íntima como internacional. É, posiblemente, o que os humanos fan mellor. Seguide lendo!

Siobhán Parkinson Autora, editora, tradutora e gañadora do Premio na nÓg 
 Traducción: Concha Blanco

domingo, 16 de junio de 2013

ENCONTRO CON OLI

O alumnado de 2ºA viviu con moitísima expectación o encontro con Oli o 29 de maio, pois era a primeira vez que lles visitaba un escritor. Falaron sobre "Leocadio o león" pero tamén participaron nun achegamento a outros libros como "Artur" e "Once damas atrevidas".Por certo,Oli encomendoulles a misión de averiguar o significado da palabra de orixe xitana "chaborrá" e ao día seguinte Elías descubriu que significaba "muchacho".Alex púxose moi contento cando lles ensinou un ovo pintado a man que Oli trouxera de Moldavia, porque lembrouse do seu país,Rumanía. Finalmente, as dedicatorias nos seus libros e unha foto con Oli, para non esquecer este día tan especial!


lunes, 6 de mayo de 2013

ABRIL: MES DO LIBRO

Para a celebración do Mes do Libro as aulas de Infantil ilustraron a vida de Andersen en cómic e crearon debuxos moi chulos baseados nos seus contos máis coñecidos.


Por outra banda, os cursos de 5º A, 6ºA e 6º B fixeron xornadas de contacontos para todo Infantil a partir de contos de Andersen e regaláronlle aos máis cativos uns marcapáxinas feitos por eles.
Aquí tedes " O traxe novo do emperador", conto elixido por 5º A e interpretado coa técnica do teatro "kamishibai". Tivo moitísimo éxito!Noraboa!


O alumnado de 6ºB convidou a súa aula ao alumnado de 5 anos para contarlles contos tanto a través da pizarra dixital como ao xeito tradicional.
Durante esa semana tamén fixeron a mesma actividade para o resto das aulas de infantil.
 

domingo, 5 de mayo de 2013

2 DE ABRIL: DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Dende 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data de nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración d Día Internacional do Libro Infantil coa finalidade de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis cativos e cativas. Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día del Libro Infantil e selecciona un escritor/a e un ilustrador/a representativo do seu país para que elaboren a mensaxe dirixida aos nenos e nenas do mundo e o cartel, que se distribúe por todo o mundo, para promover a súa celebración en bibliotecas, centros escolares, librarías, etc.
Este é o cartel deste ano, xunto co manifesto,escrito polo autor mexicano Francisco Hinojosa baixo o título ‘Había una vez un cuento contaba el mundo entero’,

cartel dia Lemos xuntos, ti e eu. 
Vemos que as letras forman palabras
 e as palabras convértense en libros
 que estreitamos nas nosas mans. 
 Oímos murmurios 
e ríos buliciosos nas súas páxinas, 
osos que cantan 
graciosas melodías á lúa. 
 Entramos en misteriosos castelos 
e das nosas mans soben ata as nubes árbores florecidas.
 Vemos nenas valentes que voan e nenos que atrapan as estrelas.
 Lemos xuntos.
 Ti e eu, dando voltas e voltas, 
percorrendo o mundo coa alegría nos libros. 
 Poema de Pat Mora 
Traducción: Concha Blanco




Presentámosvos ademais esta animación de Tomás Bases para Titirimundi Teatro para que coñezades máis polo miúdo a Hans Christian Andersen:
 

Preme na imaxe se queres comprobar o aprendido con esta actividade LIM (libro Interactivo Multimedia) realizado por Julia González do Ceip Mestres Goldar:

miércoles, 9 de mayo de 2012

DESCUBRINDO OS MUNDOS

Estamos participando no programa para escolares "Descubrindo os mundos", que se está a desenvolver na Biblioteca municipal Xosé Neira Vilas dende finais do mes de abril.
 Cada visita está dirixida por personaxes próximos a algúns dos exploradores máis famosos.Eles encárganse de acompañar e guiar ao alumnado na procura de "pistas" sobre descubrimentos xeográficos que lles "obrigan" a percorrer a biblioteca e familiarizarse cos servizos que oferce dun xeito ameno e atractivo,a ter un maior coñecemento das instalacións, da xestión e organización do fondo documental, etc...
Os contidos e actividades de cada sesión están adaptados aos diferentes niveis educativos.
Un dos aspectos máis interesantes da visita é que entréganlle aos rapaces e rapazas o carné de usuario/a da biblioteca para poder voltar a ela sempre que o desexen e a conciban como un lugar de formación e de lecer.
Estas son as datas nas que estamos realizando as visitas:

12 de abril:1º ciclo
26 de abril:4ºA e 4ºB de primaria.
3 de maio: 3ºA e 3ºB de primaria.
10 de maio:6ºA e 6ºB de primaria.
24 de maio:5ºA e 5ºB de primaria.

 Noraboa á biblioteca pola iniciativa!As visitas están tendo unha resposta moi positiva tanto por parte do alumnado coma do profesorado! Aquí tedes unha mostra da sesión do Primeiro Curso de Primaria, que,axudados pola filla do mariñeiro Rodrigo de Triana, tiveron a "misión" de completar o diario de abordo de Cristóbal Colón coas pistas que lle axudarían a descubrir América.


martes, 24 de abril de 2012

23 DE ABRIL / DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DO DEREITO DE AUTOR




Compartimos este cartel da editorial Libros del Oso (Arxentina)

A nosa biblioteca celebrou o Día do Libro coa visita de Alfredo Gómez Cerdá o martes 24 de abril.O alumnado de 5ºA viviu un encontro moi agradable co autor,que xirou arredor do seu libro"Barro de Medellín", xa que todo o alumnado de 5ºA compartira a  lectura coa súa titora durante o curso.




jueves, 19 de abril de 2012

OS PERSONAXES DOS CONTOS RECOMENDAN LER LIBROS


NO ABRILibro  deseñamos as capas máis incribéis para Carapuchiña, fixemos unha exposición sobre os ratos—uns personaxes moi de conto—, e sobre obxectos fuxidos dos contos de Andersen.
E este ano... 

sábado, 9 de abril de 2011

CHEGA O "ABRILIBRO"

Lede na seguinte carta, que proximamente recibiredes nas aulas, a misión que o rato ten preparada para festexar o "ABRILIBRO" deste curso: