miércoles, 2 de abril de 2014

2 DE ABRIL DO 2014: DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL


Desde 1967, o 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, o IBBY promove a celebración do Día Internacional do Libro Infantil co fin de promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos. Cada ano unha Sección Nacional ten a oportunidade de ser a patrocinadora internacional do Día do Libro Infantil. Esa Sección elixe un tema e selecciona a un autor ou autora importante do país co fin de que escriba unha mensaxe para os nenos e nenas do mundo, e a un recoñecido ilustrador ou ilustradora para que deseñe un cartel que se difunde en colexios, bibliotecas, a través dos medios de comunicación, etc. Con este motivo organízanse diferentes actividades de animación, encontros con escritores e ilustradores, concursos e outras accións puntuais.

A través da OEPLI (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) podemos acceder ao poema da autora irlandesa Siobhán Parkinson:

CARTA AOS NENOS E NENAS DO MUNDO:


OS LECTORES, a miúdo lle preguntan aos escritores como escriben as súas historias - De onde saen as ideas? Veñen da miña imaxinación, contéstalles o escritor. Ah, claro, adoita responder o lector. Pero, onde está a túa imaxinación, de que está feita e é certo que todo o mundo ten unha? Ben, responde o escritor, está na miña cabeza, por suposto, e está composta de imaxes e palabras e recordos e rastros doutras historias e palabras e fragmentos de cousas e melodías e pensamentos e rostros e monstros e formas e palabras e movementos e palabras, ondas e arabescos e paisaxes e palabras e perfumes e sentimentos e cores e rimas e pequenos estalos e asubíos e sabores e explosións de enerxía e adiviñas e brisas e palabras. Todo iso xirando aí dentro e cantando e comportándose como un calidoscopio e aboiando e sentándose e pensando e rañando a cabeza. Por suposto que todo o mundo ten imaxinación: sen ela, non seriamos capaces de soñar. Porén, non toda imaxinación ten as mesmas cousas dentro dela. Probablemente, a imaxinación dos cociñeiros conteña na súa maioría sabores, da mesma maneira que a imaxinación dos artistas conterá sobre todo cores e formas. A imaxinación dos escritores está principalmente chea de palabras. Para os lectores oíntes de historias, as súas imaxinacións tamén se nutren de palabras. A imaxinación dun escritor traballa, dá voltas e dá forma ás ideas, aos sons, ás voces, aos personaxes e aos acontecementos ata convertelos nunha historia; esta historia non está composta doutra cousa que non sexan palabras, batallóns de garabatos desfilando polas páxinas. Entón ocorre que, de pronto, chega un lector e eses garabatos cobran vida. Seguen estando na páxina, seguen parecendo garabatos pero tamén están choutando na imaxinación do lector, e este dá forma e fía as palabras para que a historia agora teña lugar na súa cabeza, como tivo lugar na cabeza do escritor. Este é o motivo polo que o lector é tan importante para unha historia como o é o escritor. Só hai un escritor para cada unha delas, pero hai centos ou miles ou incluso ás veces millóns de lectores de historias, que len no mesmo idioma que o do escritor ou que quizais ata lean traducións en moitos outros idiomas diferentes. Sen o escritor, non nace o conto; sen todos os miles de lectores arredor do mundo, o conto non chegará nunca a vivir todas as vidas que pode vivir. Todo lector dunha historia ten algo en común cos outros lectores desa mesma historia. Separadamente, aínda que tamén dalgunha maneira xuntos, eles recrearon a historia na súa propia imaxinación: unha acción que é tanto privada como pública, individual como común, íntima como internacional. É, posiblemente, o que os humanos fan mellor. Seguide lendo!

Siobhán Parkinson Autora, editora, tradutora e gañadora do Premio na nÓg 
 Traducción: Concha Blanco